Monday 29 de April de 2024

Máis de 130 xinetes participaron na VIII Xuntanza Cabalar de Ardemil


400 persoas asistiron ao gran xantar popular celebrado hoxe. O programa contou con concursos de beleza, rutas, concursos e moita festa

A oitava edición da Xuntanza Cabalar de Ardemil contou este ano con máis de 130 xinetes nas distintas probas que se disputaron nesta fin de semana. A esta cifra cómpre engadir os case 120 cabalos que irán en ruta e os máis de 20 dos concursos de pura raza galega.
A festa e celebración desta cita anual arrancou na noite do venres cunha gran festa na que non faltou a música e o reparto de touciño entrefebrado entre a veciñanza e os organizadores e organizadoras do evento. Dende ben cedo na mañá do sábado arrancaron os preparativos para as carreiras. Concursos morfolóxicos de pura raza galega; probas de andadura chapeada libre, serrada libre e de trotadores; concurso de barrís etc. En total repartíronse máis de 500 € en premios, ademais da entrega das copas Joaquín González Troncoso, Ferralla Lois, Restaurante Avelino, e a de Escavacións e Obras Marcos.
Ao mediodía tamén houbo misa con procesión na honra a Santo Antonio, seguida dun grupo de gaiteiros que arrancou máis dun baile entre as persoas alí congregadas. O gran xantar popular contou con 400 comensais, que deron boa conta do lacón asado con patacas estufadas que se serviu. O programa completouse con rutas a cabalo gratuítas para a rapazada.
José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, foi o encargado de entregar os premios aos vencedores desta edición, á que tamén acudiu o concelleiro Pablo Vázquez Candal. Un ano máis a Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, organizadora desta competición, contou coa colaboración do Concello para a súa posta en marcha.